Home

O xoves 15 de outubro  tivo lugar no IES Chapela unha conferencia a cargo da asociación Dereito a Morrer Dignamente. Acudiron os seus representantes Doctor Luis Montes (Presidente federal da Asociación) e Dona Emilia Irimia Presidenta de DMD Galiza (1ª pola esquerda na fotografía).

Os temas tratados foron:
-O marco xurídico do Dereito á “Boa Morte”.
-Documentación e rexistro do Testamento Vital.
-A Asociación DMD en Galiza.

Aproveitamos a ocasión para entrevistar a Luís Montes.

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Luís Montes nun momento da charla no IES Chapela.


Como definiría unha “morte digna”?

Unha morte digna ou unha “boa morte” é aquela morte que é inevitábel, tódalas mortes evitábeis non son unha boa morte. Unha morte digna é unha morte que nós, dalgunha forma, protagonizamos, somos conscientes dela e téñense en conta os nosos valores; non está en mans de terceiros.

Unha boa morte é aquela que acontece co mínimo sufrimento posíbel ou evitábel. Unha boa morte é que ese período de tránsito sexa o máis corto posíbel. Pode ser tamén unha morte a petición, unha morte voluntaria, porque o ben graciábel que é a nosa vida pode converterse nun mal indesexábel dispomos dunha boa morte que é decidida e apeámonos da vida.

Todo isto forma o contexto da boa morte.

Que procedementos entrarían dentro do concepto de “boa morte”? Sempre se fala de eutanasia, suicidio asistido, todo isto entraría dentro do concepto de “boa morte”?

Eutanasia é unha palabra moi bonita, etimoloxicamente quere dicir “boa morte”. Igual que un parto “utópico” é un bo parto, unha morte eutanásica é unha boa morte, esa é a súa definición.

O suicidio asistido tamén é unha boa morte xa que é unha morte voluntaria, desexada.

A diferenza, porque é moi importante saber qué é a eutanasia e qué é o suicidio asistido, é a figura do colaborador para corresponder a esa petición de axuda: na eutanasia o colaborador necesario é o que dá directamente a morte …

É o que a provoca …

Si, pero falamos de “a” morte, falamos dun artigo determinado (“a”), non falamos de dar morte, que é outro concepto diferente: aquí a morte é solicitada reiteradamente nun exercizo de liberdade e en plena competencia e autonomía daqueles que a solicitan no contexto dun intenso sufrimento físico ou psíquico. Neste caso, o colaborador necesario dá a morte directamente.

No caso do suicidio asistido, o colaborador é o que procura os medios para que o propio cidadán que desexa abandonar a vida se provoque el mesmo a morte.

O caso típico de eutanasia activa é no que o colaborador necesario proporciona unha inxección que provoca a morte, e o caso típico de suicidio asistido é o do grande galego que foi Ramón Sampedro, onde o colaborador necesario lle procura o cianuro e o vaso, pero é o propio Ramón Sampedro que o toma por si mesmo.


En que casos se aplicarían estes procedementos? No caso de Andrea, algúns medios falaban de eutanasia, outros de suicidio asistido, e outros referían o termo “encarnizamento terapéutico”, neste caso, de qué se trataría?

No caso de Andrea trátase dun rexeitamento do tratamento.
En medicina, os tratamentos son todos consentidos, autorizados. Neste caso polos titores legais da nena. É unha pregunta moi complexa porque sería para encher todo un xornal.

No caso de Andrea trátase dunha nena cunha enfermidade dexenerativa de longa duración que sofre unha complicación terminalidade a comezos do verán, a finais de xuño debido a unha trombopenia, que produce trastornos de coagulación no sangue.

Sométese, supoño que co consentimento dos pais, a medidas de sostén vital como a alimentación: fanlle unha gastrostomía [abertura do estómago cara o exterior para introducir alimentos]. Isto son tratamentos, e os tratamentos teñen a función de recuperar o equilibrio da saúde, se isto non se produce, estase a provocar unha prolongación da vida artificialmente, estase producindo o encarnizamento terapéutico. Os tratamentos, igual que se poñen en marcha, retíranse, porque se un tratamento non produce beneficios é un tratamento fútil ou desproporcionado.

Por todo isto, non é unha eutanasia nin un suicidio asistido, é unha retirada de tratamento solicitada polos pais ante a futilidade e desproporción do tratamento.


Quen toma a decisión de remata coa vida? Por exemplo, nun paciente en estado terminal que perdeu a súa capacidade de decisión, que posibilidades ten a familia ou os titores legais de proceder ao suicidio asistido ou á eutanasia?

Ningunha. A primeira calidade fundamental da eutanasia é que sexa solicitada polo enfermo, por iso esixe que sexas autónomo e competente. En situacións de autonomía e non competencia realizaríanse outros feitos que non quero cualificar, pero nunca a eutanasia ou o suicidio asistido.

 

IMG-20151015-WA0008


A lexislación española ten recollido o que vós entendedes como “boa morte”?

No noso ordenamento xurídico existen dúas leis fundamentais que están en relación cos dereitos dos pacientes.

Unha é a Lei de Autonomía do Paciente, segundo a cal, eu teño dereito a rexeitar un tratamento, que é o que fixeron os pais de Andrea; teño dereito a que comigo non se realice encarnizamento terapéutico; teño dereito a limitar o esforzo terapéutico, o que quere dicir que eu podo aceptar un tratamento activo durante un período de tempo pero en función de cómo me vaia –de cómo me atope- teño a opción e o dereito de solicitar que non desexo seguir o tratamento activo, teño dereito a renunciar; teño dereito, se estou no período final da miña vida, a que se me traten os síntomas aínda que iso adiante a morte, o que se coñece co nome de “sedación paliativa”.

E temos outra lei do ordenamento xurídico que é o Código Penal. Neste non se penaliza o suicidio, que é unha “boa morte” porque eu a determino, eu a realizo, é unha morte violenta cun grande descrédito social, din que mesmo é un acto de covardía, din que aquel que a realiza é un covarde porque non sabe enfrontarse aos problemas entonces colle a vía máis fácil que é a de apartarse: ben, pois para min é un acto de liberdade e de valentía tremendo, un concepto completamente diferente.

O noso Código Penal non penaliza ao suicida, ao suicida non se lle abren unha dilixencia previas, ao que se lle abren esas dilixencias previas é ao colaborador necesario, á persoa que axudou. O noso Código Penal castiga ao cidadán que colabora na morte doutro a través da eutanasia activa ou do suicidio, xa que, legalmente, comete un homicidio.

Neste sentido, habería que cambiala lexislación ou é suficiente o que hai?

Habería que derrogar ou cambiar o artigo 140.3 do Código Penal. Que na morte a petición voluntaria nun contexto dun intenso sufrimento a persoa que axuda a lograr esa morte, se a motivación é unha motivación altruísta, unha motivación solidaria ou de xustiza, un acto de amor, non cometa un delito e non sexa xulgado por homicidio.

Que influenza tivo o caso de Ramón Sampedro no movemento de defensa da morte digna?

Un papel fundamental. Os cambios do estado normativo normalmente danse polos cidadáns, que coa súa coraxe e a súa loita e testemuña sensibilizan ao colectivo social que está na mesma situación e provocan os cambios normativos.

Ramón Sampedro abriu o debate neste país sobre a eutanasia e o suicidio asistido, despois houbo moitos máis: Felipe León, Inmaculada Echevarría, o caso Severo Ochoa, e agora, recentemente, o caso de Andrea abren o debate sobre a morte digna.

Estamos nunha democracia elitista, os cidadáns de momento o único que se nos permite é elixir á elite que nos vai gobernar 4 anos, á elite que nos vai enganar neses 4 anos, e teñen que recoller dalgún xeito, se queremos profundar na democracia, a participación ou as ambicións e desexos da cidadanía. E, evidentemente, levar no seu programa a derrogación do artigo 143 do Código Penal.


Mencionaba antes o caso do Severo Ochoa de Leganés. Nesta caso, a forma na que foron tratados os profesionais da medicina influíu negativamente en casos posteriores como o de Andrea á hora de que os médicos, aínda tendo a lexislación suficiente para actuar de acordo á lei, o eviten para non seren acusados de asasinato, para non seren perseguidos e que non acaben coa súa carreira profesional?

Si, houbo dous momentos.

Nun primeiro momento, no máis próximo ao acontecemento que creou unha grande alarma social – que se falase de que nun hospital público se produciran máis de 400 homicidios é unha brutalidade – córtaste un pelo en realizar unha práctica habitual: a morfina ponse nunha caixa forte.

Nun segundo momento, segundo se van aclarando as cousas, abriuse un debate e comezaron a saíren as leis de morte digna a nivel autonómico.

Foise ata as organizacións bioéticas e a Organización Médica Colexial e varias consellerías fixeron un protocolo de sedación paliativa terminal con doses, fármacos e pautas a realizar. Neste momento produciuse unha resposta positiva.

Cre que o proceso que se levou en contra súa e dos médicos de Leganés tamén estaba influenciado polo período político no que se atopaba a Comunidade de Madrid naquel momento, nun proceso de privatizacións hospitais públicos, usando o caso para verter acusacións de mala praxe e asasinato para dar unha mala imaxe da sanidade pública?
Foi este o inicio do sistema público de saúde?

Si, iso foi sempre o que os profesionais do hospital Severo Ochoa dixemos, que foi unha cortiña de fume pola grande campaña mediática que a orixinou, pero unha campaña pagada, que durou dende o meu cese o 11 de marzo ata o 31 de xullo con primeiras portadas nos medios falando do tema. Nese período asinouse con iniciativa privada a construción de hospitais: primeiro os pregos, a cesión de terreo, os pregos de concesión … en xullo xa estaban as escavadoras creando solares … Isto, a cidadanía de Madrid non o discutiu porque non o viu: soamente había un tema nos medios, o de Leganés. Cando todo isto xa estaba iniciado, o partido no poder en Madrid, o PP, e a súa representante, Esperanza Aguirre, dixo unha frase que foi “do Severo Ochoa non se volve a falar”, e non volveron a falar dende xullo de 2005. Celebrouse hai pouco o 10º aniversario, e o PP de Madrid non volveu falar desta cuestión porque xa conseguira o que quería, desviar a atención.

Entonces, non tiñan dende a Comunidade de Madrid preocupación algunha nin pola vida dos pacientes nin pola morte digna destes?

Non.

Vostede foi acusado de asasinato por practicar a sedación paliativa terminal por parte do PP, que pensa cando ese mesmo partido realiza unha serie de recurtes económicos que afectan a persoas en estado terminal ou persoas maiores que necesitan medicación e que non poden pagala e acaban empeorando e morrendo?

Penso que é unha mostra de hipocrisía clarísima.

Que posición toma fronte a esta hipocrisía?

Penso que soamente hai unha resposta, a asociación, a unión dos cidadáns, reforzar o tecido asociativo. A unión fai a forza e nestes anos de democracia que nos prantexou o bipartidismo, a modernidade e estar no octavo país do ranking mundial da economía fixo do tecido asociativo un deserto e cóllenos aos cidadáns nun estado de grande debilidade.

Eu creo que a resposta que foi o 15M, as respostas posteriores das plataformas en defensa dos dereitos de ensinanza pública (as mareas verdes), da sanidade pública (a marea branca) é un intento de recuperar ese grande tecido asociativo que necesitamos para impedir que un período de crise sexa un período de acumulación capitalista no que saímos os cidadáns máis empobrecidos e os poderosos máis ricos. E isto só ten unha saída: a asociación, a asociación e a asociación.

Neste senso, a asociación que vostede preside, DMD, está tendo influenza nas novas correntes políticas a respecto do asunto da morte digna? Ou teñen medo a meterse nun asunto moi polémico e que foi moi mal tratado polos medios?

A nós, onde nos chaman imos. Hoxe estamos neste instituto e encantados. A nosa asociación quixera, en vez de que fosemos 500 cidadáns, que fosemos 5.000, porque abririamos o debate e sairiamos a tomar a rúa. É por aquí por onde debemos ir, temos que aumentar o tecido asociativo. DMD é un máis, a favor dun dereito como tantos outros dereitos, e temos que confluír no apoio dos dereitos, e sobre todo neste que é tan importante e que é derivado da liberdade persoal: porque a miña vida é miña.

Deixar un comentario